Cartel de Vanesa Álvarez
XV FESTIVAL KEROUAC VIGO: A poesía é un faro.
O Festival Kerouac cumpre quince anos consolidándose como un dos grandes encontros poéticos e artísticos da Península. Desde a súa primeira edición en 2010, converteu a cidade de Vigo nun espazo de encontro entre poetas, performers, músicos e artistas visuais de todo o mundo. Ao longo da súa traxectoria, o Kerouac abriu camiños de diálogo entre linguaxes e xeracións, situando a poesía como motor de transformación cultural. Hoxe, Vigo é unha cidade un pouquiño máis aberta, máis poética e máis conectada co mundo. O Kerouac enriquece a vida cultural da cidade e proxecta a súa imaxe a nivel internacional, reforzando a identidade de Vigo como cidade literaria e creativa.
Este ano, o festival recupera o formato de catro días de eventos, con presentación de libros, performances multimedia, proxeccion de documentais, concertos na rúa ou actuacións en museos, construindo unha ponte que se extende polo océano ata Nova York e Cidade de México. Este mes de outubro, en Vigo, encendese o faro da poesía.
Mércores 15 de outubro · Auditorio do Concello de Vigo, 19:30h
A apertura oficial desta XV edición terá lugar coa presentación do proxecto El Poeta vs La Máquina, un libro de poesía do futuro, unha obra expandida construida en Nova York por catro creadores vigueses: Ismael Faro, Mariel Martínez, Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente. Trátase dunha proposta que mestura poesía, música electrónica, artes visuais e intelixencia artificial, cunha experiencia de realidade aumentada que converte este obra poética nun acto inmersivo único. Este libro, proxeto artístico editado por Editorial Elvira, é unha mostra de como a poesía pode dialogar coas tecnoloxías do século XXI e abrir camiños de experimentación estética.
Tras a presentación, terá lugar unha mesa redonda sobre IA e creatividade, onde artistas, tecnólogos e poetas compartirán reflexións sobre o papel das máquinas na creación artística e no futuro da palabra.
Xoves 16 de outubro · Multicines Norte, 19:30h
Proxección en primicia do documental road movie “Sal and Dean: tras los pasos de Kerouac” nos Multicines Norte de Vigo. Unha peza que recorre as estradas dos Estados Unidos, nunha viaxe inspirada pola Xeración Beat, onde Jimmy Barnatan e Mike Invierno sumérxense nunha máquina do tempo que é un acto de amor por esa América perdida chea de iconografía lexendaria, de personaxes imposibles que cobran vida nesta peza cinemática imprescindible.
O rematar a proxección habera unha charla co productor e os protagonistas e un pequeno concerto acústico en exclusiva
Venres 17 de outubro · Marquesiña do Corte Inglés, 19:30h
Unha xornada marcada pola diversidade de estilos e voces, coa participación de:
- Malvares: artista galego de rap que combina rima e compromiso social, cun estilo fresco e directo. Vocalista de Rebelion do Inframundo, unha das bandas punteras da escena galega, vira acompañado de varios invitados na presentación das súas novas cancións.
- Verdeoir: o novo proxecto da poeta e xornalista Noelia Gómez co músico Rui Granha, que mestura poesía e música de guitarra, explorando novas formas de oralidade poética. Noelia é autora do poemario Desenfoque (Apiario, 2024).
- Najla Shami: cantante e compositora galego-palestina que fusiona música tradicional, jazz e canción de autor. A súa voz é tamén unha ferramenta de activismo en defensa da paz e contra o xenocidio.
- Nueva Tragedia: novo proxecto musical liderado polo vigués e madrileño de adopción Miguel Marcos (Le Voyeur) xunto aos músicos Pablo Valero, Raquel Lamas, Jesús Arroyo e Pablo E. Fernández. A súa música combina rock e electrónica, cunhas letras que conectan a mitoloxía pop coa emoción contemporánea.
Sábado 18 de outubro · Museo MARCO, 19:30h
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acolle a xornada central desta edición, converténdose no corazón da poesía e da creación contemporánea. O poeta e director do festival, Marcos de la Fuente, será o encargado de presentar e guiar os actos, ofrecendo unha visión xeral da traxectoria do Kerouac e do espírito desta edición.
- La Sole & El Hombre Viento: Dende Valencia e Madrid chegan os compoñentes deste potente proxeto. Presentan 3nigma, un traballo que fusiona underground, rap e electrónica con narrativas íntimas e coidadas, expandindo as fronteiras entre xéneros. Será parte da xira presentación do seu novo traballo, moi influenciado pola xa desaparecida artista Gata Cattana.
- Olalla Cociña: poeta galega recoñecida con premios como o Avelina Valladares (2004) e o Fiz Vergara Vilariño (2008). A súa obra explora a memoria, a experiencia feminina e a linguaxe poética como espazo de resistencia.
- Annalisa Marí Pegrum: a poeta e traductora presenta en primicia unha performance multisensorial que recupera a voz da poeta Beat Lenore Kandel e o espírito rebelde do seu mítico e prohibido durante moitos anos, o libro The Love Book, reivindicando a liberdade sexual e espiritual como forza transformadora e de ponderación da muller.
- Alberto Avendaño & Manolo Romón: presentan MOLOTOV, unha proposta híbrida de poesía e multimedia que converte o libro nun obxecto vivo en diálogo coa memoria política e a tecnoloxía. Promete ser unha viaxe no tempo chea de rebelión poética.
Ademais, antes do acto no MARCO, as 18:00h na rúa Londres, terá lugar a inauguración da ampliación do Muro dos Poetas de Vigo, un espazo de memoria literaria que se enriquece con novos nomes fundamentais: Anne Waldman, Olga Novo, María Xosé Queizán, Alberto Avendaño, Manolo Romón, Nila Álvarez, Mario Obrero, Xiana Arias, Dula Piñeiro, Montse Villar, Iria Medraño e José Lameiras. A inauguración contará cun recital colectivo de poetas como Nila Álvarez, Iria Medraño, José Lameiras ou Dula Piñeiro, entre outros.
O Festival Kerouac reafírmase como un espazo imprescindible para Vigo, onde a poesía dialoga coa música, coas artes visuais, coa tecnoloxía e co activismo. Dende Madrid, Nova York, Valencia, Lugo ou Mallorca chegan os poetas á cidade, para conectala co resto do mundo. En tempos de urxencia social e cultural, o Kerouac ofrece á cidade un lugar de encontro, reflexión e celebración colectiva da palabra. Un espazo seguro para dialogar e experimentar, sendo testemuña da diversidade das linguas e das culturas, da necesidade de alzar a voz das poetas que, agora máis que nunca, deben ser amplificadas.
PROGRAMA:
Mércores 15 Outubro
Auditorio Concello de Vigo. 19:30 a 21:00h
Presentación “El Poeta vs. La Máquina”
Performance multimedia e presentación do libro de Editorial Elvira
Firma de libros polo autor
Entrada Libre ata completar aforo
Xoves 16 Outubro
Multicines Norte. 19:30 a 21:00h
Proxección Road Movie “Sal & Dean: tras los pasos de Kerouac”
Despois, charla-coloquio e concerto acústico por Jimmy Barnatán
Entrada 5€. Pódese mercar na taquilla do cine
Vernes 17 de Outubro
El Corte Inglés. Marquesina Gran Vía. 19:30 a 21:30h
Concertos de: Najla Shami, Malvares, Verdeoir e Nueva Tragedia
Presentado por Marcos de la Fuente
Asistencia libre. Haberá cadeiras para sentarse
Sábado 18 Outubro
Muro dos Poetas. Rúa Londres. 18:00 a 19:00
Ampliación do Muro dos poetas con novos versos e autores
Presentación e recital de poésía na rúa Londres –Detrás do Marco-
Asistencia libre. Non haberá cadeiras
Museo MARCO Vigo. Auditorio. 19:30 a 21:30h
Concertos de:
- La Sole e El Hombre Viento
- Annalisa Marí como Lenore Kendel
- Alberto Avendaño e Manolo Romón presentando Molotov
- Olalla Cociña
Entrada 10€. En taquilla no museo ou eventbrite.com